sábado, 30 de abril de 2011

Recibimos a BENXAMÍN MÍGUEZ NOVOA


29 de abril de 2011
SESIÓN DE CONTACONTOS
CON
BENXAMÍN MÍGUEZ NOVÓA


E xa como remate final deste mes do libro, hoxe recibimos a visita do contacontos BENXAMÍN MÍGUEZ, que nos deleitou a pequenos e maiores con diferentes historias para cada nivel repartidas en catro sesións.
Na primeira sesión ,os nenos e nenas de 5 anos e 1º ciclo  disfrutaron un montón con  contos personalizados sobre  monstruos e ratos á vez que facía as ilustracións  e todos quedaron cunha boísima sensación.

 Tamén o alumnado do 2º ciclo, desfrutou da visita de Benxamín Míguez, que, xogando cos personaxes do conto de Paula Carballeira "Correo urxente", fíxolles pasar un rato agradable, demostrando, unha vez máis, o divertido que é ler e compartir lecturas cos compañeiros.

  Co alumnado do 3º ciclo  realizou actividades interactivas referentes ao libro que tiñan lido  de Maite Carranza, “Queres se-lo mozo da miña irmá?” co que pasaron un rato moi divertido mentras recordaban as diferentes escenas do conto.

E por último os nenos e nenas de 3 e 4 anos tamén o pasaron moi ben con Benxamín, que lles  contou unhas historias tan personalizadas que lles fixeron aflorar os sentimentos pasando da sorpresa a alegría ou do medo á risa sen parar.
Gracias Benxamín, por esta mañán tan ben aproveitada por todo o cole na BiblioRía. 
Aquí vos deixamos cunha presentación das imaxes.

miércoles, 27 de abril de 2011

Entrega do Premio Cervantes 2010

Este ano o Premio Cervantes entregase o día 27 de Abril do 2011, por coincidir o 23, Día do Libro, na Semana Santa.

E a gañadora deste ano é . . . 
 Norabóa!  Xa era hora dese recoñecemento a tan longa traxectoria!
Cando eu era unha cativa de 10 anos e tiña un aburridísimo libro de texto de lingua e literatura en branco e negro, sen apenas ilustracións, a única vía de escape eran os contos cos que comezaba cada tema. Sempre tiven un recordo especial para un que espertou en min unha gran tenrura cara unha nena descoñecida, que non tiña xoguetes, excepto aquela bonequiña feita cunha espiga de millo. Era un conto de Ana Mª Matute.
Ao longo dos anos  sempre tiven presente a esta autora que, con apenas media páxina de lectura, foi quen de espertar en min tantos sentimentos a tan tenra idade.

Cando vin nas librerías a recopilación de contos “La puerta de la luna”, editada por Destino, non me resistín e merqueino ao momento.
Outra vez me atopei cunha chea de texto sen debuxos que fan voar a imaxinación, cun realismo tal que che fai ver as historias como si estivesen proxectadas nunha pantalla.

Como di Mª Paz Orduño na presentación do libro, “Ana Mª está dotada para conmover, para excitar los sentimientos más adormecidos, siempre con la más exquisita sensibilidad  . . .de la más terrible tragedia puede extraer una situación cómica, . . . algunas se abren con un delicado lirismo y acaban en el realismo más cruel, como para sacudir al lector y preguntarle si se había creído que la vida era tan hermosa”.
O que votei en falta na recopilación foi a historia da nena que tiña unha boneca de espiga de millo. Espero que a recuperen en próximas edicións.
Felicidades, ANA Mª MATUTE, por tan merecidísimo premio!
(preme no nome da escritora e accede á información relativa á mesma)

* Diferentes xornais recollen a noticia. Podes ler algúns dos artigos, premendo nos apartados de noticias que aparecen debaixo.
Aquí vos deixamos un vídeo no que se recollen as primeiras impresións de Ana Mª Matute tras coñecer a noticia do Premio Cervantes 2010.

Fina o poeta chileno Gonzalo Rojas

O pasado luns, 25 de abril de 2011, finou o poeta chileno Gonzalo Rojas, un home que non parou nin un minuto nas súas nove largas décadas de vida.
Nado en Lebu, unha pequena cidade do Chile meridional -pesqueira e minera; "con mucho mito", acostumaba a dicir o poeta.
 O futuro poeta,  ingresou no internado dos xesuítas alemáns de Concepción antes de cumprir os 10 anos. Foi a primeira das moitas viaxes dun autor que acumulou máis kilómetros nas súas pernas que versos nos seus libros.
Todos estes versos quedaron reunidos en 2000 no volume Metamorfosis de lo mismo (Visor), un título que explica ben a forma de traballar dun autor; a súa poesía foi calificada pola crítica de "larvaria". Así, moitos dos seus libros son unha reescritura ampliada de poemarios anteriores. "Soy un inconcluso", dixo nunha entrevista meses antes de gañar o Cervantes.

Fonte da información:
http://www.elpais.com/articulo/cultura/Fallece/poeta/chileno/Gonzalo/Rojas/93/anos/elpepucul/20110425elpepucul_2/Tes

Mostra dos nosos libros das árbores

SEGUIMOS CELEBRANDO O MES DO LIBRO.
EN ABRIL, LIBROS MIL!

Despois duns días de descanso polas vacacións, volve a actividade á BiblioRía. Seguimos coas celebracións do mes do libro, xa a piques de rematar, e invitamos a toda a Comunidade Educativa a visitar a mostra: “OS LIBROS DAS NOSAS ÁRBORES”, confeccionados coas aportacións que o alumnado elaborou coa súa familia. Non volo perdades!!! Pasade e lede!!!  
 3 ANOS-4º Educación Infantil
  4 ANOS-5º Educación Infantil
 5 ANOS-6º Educación Infantil
 1º Educación Primaria
 2º A Educación Primaria
 2ºB Educación Primaria
  3º Educación Primaria
 4º Educación Primaria
 5º Educación Primaria
  6º Educación Primaria
Gaspar tamén nos está agardando con sorpresas!!! OS préstamos desta semana teñen premio: un marcapáxinas e unha rosa . . . de piruleta!!!  FELIZ DÍA DO LIBRO E . . . DOCES LECTURAS!!!

viernes, 15 de abril de 2011

ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

O pasado venres, día 8 de abril, estivemos en Santiago tódolos responsables das bibliotecas escolares de Galicia, nos encontros anuais do PLAMBE.
Foi unha xornada sen desperdicio, unha excelente ocasión para compartir experiencias, aclarar dúbidas, aprender das mellores relatoras e ata emocionarnos... 
Dende a interesante exposición de dúas eminencias na materia de Bibliotecas como son Teresa Maña e Mónica Baró sobre o tema "Avaliar para avanzar. Prácticas de autoavaliación na biblioteca escolar", pasando polos relatorios dos nosos compañeiros sobre traballos feitos nos colexios con banda deseñada, a exposición dos materiais polos corredores, as reunións por zonas, etc ate chegar ao broche final coa presentación de Xosé Neira Vilas, o autor de Memorias dun neno labrego, do que este ano se cumplen 50 anos da súa publicación. Todo un privilexio poder velo e escoitalo. Como dixo Pilar ao presentalo “o último clásico vivo”, que nos fixo un repaso da súa biografía e a súa obra con tal sinxeleza e naturalidade que nos levou a sorrir e emocionarnos todo o tempo.
O único problema e que esquecín o meu libro na casa e perdín a ocasión de que o autor mo firmara. Claro que tamén esquecín a cámara de fotos, pero hai algúns plambeiros moi amables que me autorizan a descargar as súas, como Emilio Roca do IES Pedra da Aguia, ao que lle tomo a palabra.

Gracias Emilio!
(poderedes ver a totalidade das imaxes, premendo no enlace de abaixo)


E xa para rematar felicitar ás nosas asesoras da consellería Cristina e Pilar, que traballan para facer que todo isto sexa posible.

Se queredes ver os materiais dos encontros que están colgados na páxina de Bibliotecas Escolares premede NO ENLACE QUE APARECE DEBAIXO e ENTRADE COMO CONVIDADOS.

A coordinadora de BiblioRía
Ángeles

jueves, 14 de abril de 2011

Recibimos a Alicia Borrás

Hoxe visitounos ALICIA BORRÁS, a autora de “Nata y Chocolate”, o libro que leron os alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria na “Hora de Ler”.
Os nenos lle tiñan preparada a sorpresa de recitar poesías escritas por ela, publicadas nos libros de traballo da aula; tamén o alumnado de 4º presentoulle os distintos capítulos do libro en formato de Banda deseñada.
Fixéronlle moitas preguntas sobre a súa obra e sobre o seu traballo como actriz de dobraxe en distintas series de televisión, coma os debuxos de NODDY, etc.
Alicia mostrouse moi emocionada pola acollida tan agarimosa dos nenos, e eles quedaron encantados cos seus libros firmados pola autora.
Aquí vos deixamos cunha presentación de imaxes.

miércoles, 13 de abril de 2011

Actividades sobre Lois Pereiro-Seminario Galán

Como todos os anos, grazas ao Seminario Galán, podemos dispoñer de multitude de material para traballar a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Este ano é o turno de Lois Pereiro e aquí tedes o enlace para poder acceder ás actividades propostas.


lunes, 11 de abril de 2011

Recibimos a Abraham Carreiro

Onte, luns 11 de abril, recibimos no cole ao ilustrador Abraham Carreiro e pasamos unha xornada moi didáctica e divertida.
Nas dúas portas de entrada á BiblioRía, se anunciaba a súa visita así como quedaban reflectidos diversos datos relevantes da súa biografía e que tod@s poidamos ler.
Aquí vos deixamos cunha presentación de imáxenes...

martes, 5 de abril de 2011

Actividade para traballar o Día do Libro


Dende o CEIP Los Campanales (Las Lagunas), nos presentan este recurso para traballar sobre o Día do Libro e coñecer máis cousas sobre esta celebración do mes de abril.
A través desta Webquest, poderás resolver unhas preguntas plantexadas na mesma e atopar as respostas nas páxinas que se indican.
Xa sabes, se queres xogar preme no enlace que tes debaixo:

En ABRIL, libros mil!!!


Xa estamos no mes máis lector do ano, e confeso que  estou moi preocupado por tanta actividade que se aveciña na nosa BiblioRía, por si aínda hai alguén despistado quérovos lembrar que pasa en abril para que sexa o mes do libro.
Pois como vos dicía, estade atentos e atentas a este blogue xa que se aveciñan unha chea de actividades para todos e todas na nosa biblioteca. aquí vos deixamos un adianto...
Ø  Visita do Ilustrador ABRAHAM CARREIRO, o día 11
Ø  Visita da Escritora ALICIA BORRÁS, o día 14
Ø  Visita do Contacontos BENJAMÍN NOVOA, o día 29
Ø  Exposición dos LIBROS DAS NOSAS ÁRBORES, a partir do día 26
Como vos podedes imaxinar Landro e máis eu non paramos, e axudamos o mellor que podemos ao Equipo de Biblioteca para que todo saia ben.
Lembrade que na Biblioteca vos agardan as mellores aventuras e se agochan os Tesouros dos Bosques máis marabillosos que vos poidades imaxinar.
Agardamos a vosa visita e desexamos que teñades un mes de abril moi bibliotequeiro. Moitos biquiños e felices lecturas.

lunes, 4 de abril de 2011

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

Dende este blogue da BiblioRía, informamos a todos os nosos usuarios e usuarias que o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.
Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.


viernes, 1 de abril de 2011

Día Mundial do Teatro 2011 (III)

Onte, xoves 31 de marzo, os nenos e nenas de 4º de Primaria nos contaron o conto titulado "O ladrón de galiñas", de Béatrice Rodríguez, editado por "Libros del Zorro Rojo"
O alumnado asistente foi o de 3º, 5º e 6º de Primaria.
Este conto ilustrado, sen texto, que atoparon na BiblioRía do cole, deulles pé para escribilo entre todos os alumnos e alumnas da aula, xunto coa súa mestra Marina.
Utilizando as novas tecnoloxías instaladas na aula o foron deseñando e, posteriormente, o presentaron colocando as láminas da historia no KAMISHIBAI, rendendo así unha pequena homenaxe a Xapón, xa que este "aparello" é un tetro tradicional xaponés que se usa para contar historias aos nenos e nenas.
Kamishibai, en xaponés, quere dicir "teatro de papel". Esta forma de contar contos é moi peculiar nese país, e forma parte dunha tradición milenaria para espertar a imaxinación e a fantasía dos nenos e nenas.
Tamén, nós pretendemos espertar a imaxinación, a fantasía e o hábito lector con estas actividades coas que agardamos disfrutaran actores, espectadores e, agora, todos os usuarios e usuarias deste blogue.
Aquí vos deixamos as imaxes.